Sunday 05 de May de 2024

Rueda destaca o apoio da Xunta para situar o deporte galego na mellor época da súa historia


— Subliña o esforzo e a dedicación dos 22 deportistas e institucións máis destacados nuns últimos tres anos marcados polas restricións derivadas da pandemia

— Coloca o tecido deportivo da comunidade como un exemplo de compromiso a nivel nacional

— Amosa a disposición do Goberno galego para seguir acompañando e fomentando os seus éxitos da man de competidores, clubs, federacións e administracións

O presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, enxalzou esta tarde o alto nivel que acadou o deporte galego nos últimos anos e destacou o papel da Xunta á hora de apoiar e fomentar o seu desenvolvemento.

O titular do Goberno galego, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou en Ribeira nunha nova edición da gala dos Premios Deporte Galego. Logo dun alto de tres anos pola chegada da pandemia, retomouse a celebración dunha cerimonia na que se premiaron as figuras e entidades do deporte galego máis destacadas desde o 2019 ata o 2022.

O presidente gabou o esforzo, a dedicación e o compromiso constantes tanto dos deportistas como das institucións a pesar das restricións nas actividades pola presenza da covid-19. Un traballo, precisou, que situou o deporte galego como único de toda España que nunca se detivo.

Neste sentido, amosou a disposición da Xunta para seguir acompañando e fomentando o éxito do tecido deportivo de man tanto de competidores como de clubs, federacións e outras administracións.

Máis de 20 premiados en 18 categorías

Esta edición dos Premios Deporte Galego resultou con 22 deportistas e entidades premiadas en 18 categorías distintas.

Teresa Portela e Ana Peleteiro foron premiadas como as mellores deportistas femininas; Adiaratou Iglesias, como a mellor deportista feminina con discapacidade; Carlos Arévalo, como mellor deportista masculino; Martín de la Puente, como mellor deportista masculino con discapacidade e Antía Jácome, como a mellor deportista revelación.

Pola súa banda, Burela FS recibiu o galardón ao mellor equipo feminino; o Cidade de Lugo Fluvial, o de mellor equipo masculino; o RC Deportivo de La Coruña Genuine e o CD Lugo Genuine, os de mellores equipos de deportistas con discapacidade e o Club Básquet Coruña resultou como a mellor entidade na promoción do deporte base.

Tamén se premiou a Miguel Martínez como mellor adestrador; a Manuel Franco como mellor xuíz; ao programa Galicia en Xogo Olímpico como mellor labor informativo; os Mundiais de Loita de Pontevedra 2022 e O Gran Camiño 2022 como mellores eventos deportivos; a Recalvi como mellor patrocinio deportivo e ao Bueu Atlético e ao Calvo Xiria co premio Xogo Limpo.

Finalmente, como entidades destacadas no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa recibiron o premio Galicia Saudable: o Inibic Sergas, como entidade de carácter público; a Fundación Abrente Equipo Enki, como entidade de carácter privado; e, por último, o IES Manuel García Barros como entidade educativa.